Inicio

O muíño

A existencia dun vello muíño foi clave na elección do emprazamento do Mazo. Foi ampliado aproveitando a construción dos novos edificios, aumentando a súa capacidade produtiva.

O muíño ten dúas partes divididas polo chan: o “inferno”, onde está o mecanismo de acción hidráulica, e a sala da moenda, onde o gran é transformado en fariña grazas ao aproveitamento desa forza motriz.

O sistema de medida empregado era o ferrado, unha medida de volume que, por extensión, é empregada para medir a superficie do campo de cultivo que é necesaria para producir esa cantidade de gran. Esta medida, calculada poñendo o gran nunha caixa de madeira, o ferrado, é diferente segundo as zonas. O muiñeiro cobraba a maquía, unha sexta parte do ferrado, e con cartos nos últimos tempos.

Na parte alta da sala da moenda hai un cuarto para uso persoal do muiñeiro, que aquí era asalariado do propietario do mazo.

 

Pezas clave no muíño

O xiro do rodicio no río fai xirar o eixe ou árbore no que está encaixada na pedra superior do muíño, a moa, de 1.500 quilos.  Esta xira sobre a pedra fixa ou pé, triturando o gran que pasa entre as dúas pedras, e sae moído por unhas canles labradas na pedra. A moa está cuberta por unha peza de madeira denominada tambor, onde se recolle a fariña para que saia cara á peneira.

A tremoia ou moxega é unha pirámide invertida de madeira onde se bota o gran, que vai caendo polo seu propio peso na quenlla ou calexa, que pode ser regulada en inclinación. O gran entra polo ollo da moa de xeito uniforme grazas á tanxedoira, que transmite á quenlla un movemento de traque.

O guindastre ou “grúa” é empregada para cambiar a moa cando está desgastada.

A separación da fariña e o farelo faise na peneira, un tambor recuberto dunha tea, accionada tamén cun sistema hidráulico.

 

A moenda

O muíño opera en función do tipo de gran que se moe e da calidade da fariña que se obtén.

Dende a sala pódese regular cunha panca a velocidade de xiro da pedra superior, a moa, abrindo en maior ou menor medida a comporta que dá paso á auga cara ao rodicio .

O grosor da moenda regúlase subindo ou baixando a moa na chave do aliviadoiro, conectada directamente coa ponte, unha táboa sobre a que está o rodicio, no leito do río.

O grosor da fariña depende da tea colocada na peneira.

            Deputación Provincial de Lugo
Servicio de Medio Ambiente
Fogar de Santa María - Ronda da Muralla 140, 27002 Lugo
Tel. +34 982 22 78 12
und.medioambiente@deputacionlugo.org