Inicio

O mazo

A tradición de “ferreiros” na zona de Santa Comba está representada en moitas casas con ferraría propia, algunhas aínda en funcionamento e con intención de conservar o vello oficio artesán como industria rendible.

O mazo de Santa Comba xa estaba en pleno funcionamento no ano 1904 e, ademais de ser alugado polos ferreiros para realizar a primeira manipulación dos metais, foi a casa onde naceu a marca Jota Tres Estrellas, que levou as mellores fouces de sega a Castela.

A materia prima chegaba no tren á estación de Laxosa, que se atopa subindo o monte pola outra beira do río. O ferro procedía do despezamento de barcos dos portos máis próximos e o aceiro das minas do País Vasco. O carbón para a forxa viña das minas de Mieres e de Ponferrada.mazo(2)

Os ferreiros que alugaban o mazo pagaban con ferramenta feita,  nunca con cartos.

 

Pezas clave no Mazo 

O rodicio do mazo xira cando cae auga do banzado, regulando o caudal cunha panca que hai na sala. Transmite o movemento  a un eixe ou árbore, no que hai inseridas catro levas de madeira, colocadas coa mesma separación entre elas para provocar un ritmo constante no contacto co mazo.

O mazo é un martelo de grandes dimensións, formado por un gran mango de madeira que ten nun extremo a maza, unha pesada cabeza de ferro (100 quilos). Ancorado na parte traseira do mango á ponte cun anel de ferro chamado boga, fai un árbore do mazo-levasmovemento de panca, elevándose cando a cola do mango ten contacto coas levas e baixando con forza ao perder ese contacto, golpeando o metal colocado sobre a incre ou bigornia, un bloque de ferro incrustado nunha cepa que absorbe as vibracións.

 O fogón é alimentado con carbón para manter as brasas, que son avivadas grazas ao fol, que dirixe aire á base do lume. O traballo do fol substituído pola Trompa de Auga.

 

A forxa 

Os metais que viñan en barras cadradas poñíanse candentes meténdoos nas brasas da forxa para fundilos e abrandalos para ser manipulados.

O ferro calzábase co aceiro, quedando este no fío das ferramentas de corte.

Os metais colocábanse na incre para  estiralos co mazo, onde se facían platinas estreitas, xa que no mazo só se estira o metal cara a diante.

Os ferreiros traballaban por quendas no mazo e remataban as ferramentas na súa propia ferraría, dándolles a forma final co espalmado e facendo o cravuñado nas ferramentas de corte, que logo se levarían ás moas para ser afiadas.

Unha ferramenta de calidade era a feita con materiais de calidade e co tempero ben collido. O tempero é o punto óptimo de velocidade no arrefriamento, que lle dá dureza á peza. Unha ferramenta mal temperada podía dobrar a romper no uso.

 

A trompa de auga 

A trompa de auga está baseada no paso de auga dende o banzado por unha canalización máis estreita. Isto provoca o efecto explicado polo físico italiano Giovanni Venturi, baseado no principio de Bertouille, de tal forma que é aspirado aire do exterior polos “oídos” da trompa (dous buracos no canal estreito). A auga sae de novo ao río e o aire húmido é recollido e conducido cara ao lume a través dun tubo, quedando o fol manual substituído por un mecanismo automático.

 

Experimentando...

O efecto Venturi é o que provoca que as cortinas da ducha veñan cara dentro cando abrimos a auga. Proba tamén a colocar dúas latas de refresco tombadas en paralelo e soprar cunha cana entre elas. ¿Achéganse ou non?

            Deputación Provincial de Lugo
Servicio de Medio Ambiente
Fogar de Santa María - Ronda da Muralla 140, 27002 Lugo
Tel. +34 982 22 78 12
und.medioambiente@deputacionlugo.org