Inicio

Outros elementos

A MOA DE AFIAR


A moa de afiar comparte o sistema de canalización da auga co mazo.

A forza da auga que cae ao abrir a comporta, accionada dende a mesma moa, fai xirar as aspas do rodicio transmitindo o movemento xiratorio á moa, colocada no outro extremo, a través do eixe no que ambas están ancoradas.

A auga que cae no rodicio salpica nas táboas e molla a pedra, que debe estar mollada para afiar ben. Esta auga tamén molla o eixe da moa e a peza sobre a que este asenta, ambas de madeira, refrixerándoas para que non prendan lume coa fricción entre elas.

 

A TURBINA

 Antano, ao pé do canal de desaugue do mazo, había unha pequena dínamo que subministraba electricidade ao conxunto e tamén á casa do propietario, monte arriba. Hoxe o conxunto aproveita a electricidade xerada nunha moderna turbina, instalada no ano 2013.

A auga cae do banzado e pasa por dentro da turbina accionando un xerador eléctrico. Actualmente non hai un acumulador para a enerxía eléctrica obtida, polo que a produción debe ser controlada para evitar excedentes.

AS LACENAS

Tamén coñecidas como despachos, son uns armarios rectangulares colocados en grupos de catro ou cinco.

Feitas de madeira e de grandes lousas achantadas no chan, a súa  función era gardar as ferramentas e o carbón que necesitaban os ferreiros.

A LATRINA 

A latrina ou cagadoiro era un buraco feito nunha lousa saínte enriba do regato de desaugue , onde se defecaba. Os residuos caían directamente na auga para ser arrastrados pola corrente.

PEZAS CLAVE NO RÍO

No “inferno” dos diferentes edificios, baixo os pisos das salas e baixo o nivel da presa no río, están os mecanismos en contacto directo coa auga.

Coas  comportas regúlase o paso de auga cara aos rodicios, accionándoas con diferentes sistemas de chaves e pancas dende as mesmas salas de traballo.

Os rodicios son as rodas que xiran co paso ou caída da auga, convertendo a enerxía que leva a auga en movemento en enerxía mecánica a través do eixe ou árbore, un pau cilíndrico inserido no centro do rodicio reforzado con aneis de ferro e apoiado nos extremos en diferentes pezas segundo a súa colocación.

A ponte é unha táboa sobre a que se asenta toda a estrutura superior do mecanismo do muíño, fixada no muro da canle nun extremo e enganchada á chave do alivio (na sala da moenda) no outro. Segundo se sube ou baixe a táboa, as pedras estarán máis ou menos separadas.

rodicio mazo (5)O rodicio

O rodicio é a roda que recolle a enerxía hidráulica, obtida do movemento da auga. Está situada no “inferno “ (baixo o edificio, no río) e é colocada horizontalmente nos muíños e verticalmente no mazo, a moa de afiar e a serra.

É unha roda que ten inseridas cara a fóra unhas paletas, pas ou “perlas” nas que choca a auga, transformando a forza da auga nun movemento xiratorio que servirá aos distintos elementos do conxunto. Segundo a forza de paso ou de caída da auga que acciona o rodicio, este colle maior ou menor velocidade.

Está construída con madeira de carballo, que soporta estar mergullada sen podrecer e resiste a forza da auga sen romper.

O seu mantemento redúcese a manter o rodicio mollado, para evitar que a madeira retorza ao secar, e apertar as cuñas cando están frouxas ou substituílas se rompen.

            Deputación Provincial de Lugo
Servicio de Medio Ambiente
Fogar de Santa María - Ronda da Muralla 140, 27002 Lugo
Tel. +34 982 22 78 12
und.medioambiente@deputacionlugo.org