Inicio

O Conxunto Etnográfico


O Mazo de Santa Comba é un Conxunto Etnográfico que ven de ser recuperado pola Deputación de Lugo, logo de reconstruir os mecanismos do muíño, o mazo, a serra e a moa de afiar que nun tempo foron motor na economía da poboación desta parroquia e que servía como punto de encontro para a vida social ao redor das actividades da moenda e a forxa e outras que tiñan relación co río.

No territorio da Reserva da Biosfera Terras do Miño, declarada pola Unesco en decembro de 2002, podemos coñecer excepcionais modelos de convivencia harmónica entre o ser humano e a natureza, como o Conxunto Etnográfico do Mazo de Santa Comba.

Este territorio protexido abrangue unha superficie de 363.669 Ha. de 26 municipios lucenses, ocupando un 39% da provincia.

Ofrece unha paisaxe dominada pola auga que flúe dende as serras que circundan a Reserva para cruzar o territorio cun ritmo marcado pola orografía de planicie da Terra Chá, que favorece a formación de valiosos ecosistemas ligados á abundancia de recursos hídricos.

Situado nas beiras do río Chamoso, este conxunto etnográfico está integrado por varias edificacións construídas artesanalmente nas que a auga é empregada como forza motriz para os mecanismos do muíño, o mazo, a serra e a moa de afiar, e incluso para xerar enerxía eléctrica.

O conxunto artesán é obra de José Ferreiro Rivera, de familia e parroquia de ferreiros, que ampliou un vello muíño co mazo, a serra e outros enxeños de accionamento hidráulico, conseguindo crear no Mazo unha industria de grande éxito, que abastecía con apeiros de labranza aos labregos e coas mellores fouces de sega a Castela, destino tamén dos galegos na época de colleita.

Non podemos imaxinar a capacidade de traballo técnico e manual de antano, cando os artesáns eran tamén enxeñeiros que sabían aproveitar a forza da  natureza nunha relación respectuosa e proveitosa para ambos.

Sinal desa perfecta sinerxía entre o ser humano e a natureza é a paisaxe natural na que está enclavada o Mazo. Bosques de ribeira e pradarías de inundación, poboados por ameneiros, carballos e outras moitas especies botánicas que dan acubillo á fauna silvestre presente neste emprazamento privilexiado.

O Mazo foi recuperado pola Deputación de Lugo no ano 2002, que iniciou un proceso de rehabilitación no marco das accións para a posta en valor da Reserva da Biosfera Terras do Miño.

 

A evolución arquitectónica

O Conxunto Etnográfico do Mazo de Santa Comba creouse a partir dun muíño do que non se saben con precisión as súas orixes. O resto da edificación levantouna José Ferreiro Rivera a principios do século XX, ampliando o muíño e engadindo o mazo, a moa de afiar e a serra.

Logo de estar en pleno funcionamento durante moitos anos, a súa actividade viuse interrompida durante sesenta anos.  No 2002 a Deputación de Lugo recuperou este conxunto mantendo a súa estrutura, se ben poucas pezas dos mecanismos son as orixinais desta construción.

O edificio da serra converteuse nun restaurante, conservándoa no medio do comedor, para o goce dos visitantes.

 

A evolución histórica

A  evolución que seguiron estes complexos pre-industriais ao longo dos anos é similar.

Os muíños fariñeiros foron o precedente, cunha orixe incerta e un gran auxe na Idade Media, construídos ante a necesidade de moer o millo procedente de América (http://olmo.pntic.mec.es/~fbez0000/molinos1.htm)

A actividade do muíño ampliouse coa finalidade de seguir aproveitando a forza da auga para transformar outras materias primas: a madeira na serra e o ferro no mazo.

Este último viviu un gran auxe coa chegada ao noso país dos ferróns vascos, aló polos séculos XVI e XVII. Aínda que non se teñen datas exactas dos distintos cambios que se foron producindo neste conxunto, sabemos que a principios do século XX xa estaban construídas todas as instalacións que hoxe podemos contemplar.

Os elementos construtivos

Os diferentes edificios que conforman o Mazo de Santa Comba, a pesar de seren levantados en distintas épocas, están feitos con cachotaría de xisto e con madeira de castiñeiro nos linteis e estruturas interiores, o que lle dá unidade a todo o Conxunto.

As pezas máis características están elaboradas con madeira de carballo, empregada en todas as pezas mergulladas pola súa resistencia á forza da auga e polo aguante á podremia da humidade; e o ferro, empregado na maza (cabeza do  mazo) e outras  pezas clave nos mecanismos, nas unións de madeiras e nos reforzos das pedras do muíño.

 

presa2A enerxía hidráulica

A  enerxía hidráulica é obtida a partir da forza da auga. O muíño é unha coñecida e tradicional estrutura que ilustra o aproveitamento desta enerxía durante séculos.

A auga é retida nunha presa, sen deter o curso do río. En función das necesidades, esta auga é liberada sobre unha roda hidráulica ou rodicio, provocando o seu movemento xiratorio. Con este movemento de rotación convértese a enerxía cinética (enerxía da auga na súa caída) en enerxía mecánica, coa que se poñen en funcionamento os distintos elementos dos mecanismos trasladando a enerxía de xeito consecutivo.

A enerxía hidráulica é tamén transformada en enerxía eléctrica. Antano cun xerador eléctrico conectado á casa do ferreiro, preto da estación de tren Laxosa, e na actualidade cunha moderna turbina que subministra electricidade ao restaurante.

 

 

 

            Deputación Provincial de Lugo
Servicio de Medio Ambiente
Fogar de Santa María - Ronda da Muralla 140, 27002 Lugo
Tel. +34 982 22 78 12
und.medioambiente@deputacionlugo.org