Inicio

Ruta de Sendeirismo

O son do Río Chamoso guíanos nesta ruta pola beira esquerda, con diferentes intensidades segundo o río salta o caneiro e vai freando ao chegar á seguinte presa.

Xa cruzada a ponte a carón do Mazo, deixamos de fronte o camiño que nos dirixe á vía do tren e encamiñámonos cara á dereita emprendendo unha senda a través do bosque de ribeira, poboado por ameneiros, bidueiros e carballos entre arbustos de toxos e xestas, maioritariamente. Poderemos ver piñeiros e abetos, así como outras especies botánicas espalladas polo bosque e prados de pasto ou cultivos.

Polo camiño poderemos observar entradas aos tobos ao pé de muros e árbores, sendeiros entre as matogueiras de silveiras e outros rastros de fauna silvestre, como corzos, xabarís, raposos, ademais dunha morea de aves que poderemos localizar poñendo atención aos seus cantos.

Durante o percorrido divisaremos varios caneiros, pontes e antigos muíños, así como un serradoiro de pedra hoxe en desuso.

A nosa ruta remata nunha ponte que cruza un regato afluente do Chamoso, aínda que o vello camiño chega ata a desembocadura no  río Miño.

            Deputación Provincial de Lugo
Servicio de Medio Ambiente
Fogar de Santa María - Ronda da Muralla 140, 27002 Lugo
Tel. +34 982 22 78 12
und.medioambiente@deputacionlugo.org